Proxecto
RedeVerde

O Concello de Pontevedra adxudica a obra de renaturalización do río Gafos en Campolongo á UTE formada por COVSA e E.C. Casas

O alcalde, MIguel Anxo Fernández Lores, informou esta maña que a mesa de contratación escolleu a UTE conformada por estas dúas empresas como a mellor proposta entre todas as presentadas para levar a cabo este proxecto, un dos máis relevantes para a cidade

O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado  pola Unión Europea – NextGenerationEU.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou a adxudicación da obra de recuperación do tramo enterrado do río Gafos en Campolongo á UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por COVSA e E.C. Casas. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

A adxudicación realizouse por un importe de 4.191.406,25 euros, o que supón un aforro de case 400.000 € respecto ao tipo de licitación. Terá un prazo de execución de 12 meses e, seguindo as palabras do rexedor, as obras deberían iniciarse ao longo do primeiro cuadrimestre do ano que está por chegar.

Lores destacou que o proxecto, considerado un “orgullo para Pontevedra”, engadirá e achegará unha altísima calidade urbana e un aumento do espazo natural e arborado. Entre os beneficios ambientais e de infraestrutura, destacan a redución importante da posibilidade de inundacións, a retirada de tódolos colectores do cauce (mellorando moitísimo o saneamento) e a permeabilidade das pluviais que irán directamente ao río.

O alcalde lembrou o carácter pioneiro da intervención, xa que é o “único proxecto que se coñecen de levantamento dun río que estaba absolutamente taponado en todo o estado con este tamaño e estas características”.

Finalmente, o rexedor garantiu que o proxecto vai “en serio” e que, de non haber fondos europeos, realizaríase con fondos municipais, resolvendo así un “atentado ecolóxico e natural” derivado da decisión dos anos 70 de tapar e encañonar o río.

A Xunta de Goberno Local abordará o asunto mañá para iniciar o proceso de formalización e sinatura do contrato.

Noticias relacionadas